Fiscalía e acusacións particulares piden imputar un delito de asasinato aos catro investigados maiores de idade polo crime do mozo Samuel Luiz, en calidade de autores. Ademais, acusacións e defensas solicitaron novas dilixencias ao xulgado instrutor da causa.
A comparecencia dos catro investigados pola morte de Samuel nos xulgados finalizou sen unha resolución definitiva sobre o delito que se lles imputa
Segundo ratificou o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, a xuíza pronunciarase nos próximos días sobre as dilixencias solicitadas polas partes mentres peqda pendente concretar no trascurso da instrución o delito que se lles imputa aos detidos pola morte de Samuel, de homicidio ou asasinato.
Os feitos, que se xulgarán mediante xurado popular, ocorreron a madrugada do pasado 3 de xullo, cando Samuel Luiz foi agredido por un grupo de mozos durante seis minutos na contorna do paseo marítimo da Coruña. A malleira que recibiu o mozo acabou coa súa vida.
Na actualidade hai tres persoas en prisión provisional, comunicada e sen fianza pola malleira que lle custou a vida a Samuel Luiz. Ademais, dous mozos que non alcanzan a maioría de idade ingresaron nun centro de menores pola súa suposta relación cos feitos. Unha sexta detida, unha muller, foi posta en liberdade, condicionada a comparecencias regulares no xulgado.
Acusación particular
A Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña, Alas, informou de que se presenta como acusación popular no proceso xudicial que servirá para esclarecer o crime de Samuel Luiz.
Respecto diso, lembra que desde a súa fundación en 2010, Alas A Coruña "ten como principal obxectivo a consecución da igualdade real para a comunidade LGTBI". Para iso, engade, "traballa cada día co fin de alcanzar un modelo de sociedade máis diverso, máis xusto e máis igualitario".
Por iso, como entidade coordinadora do Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia, Alas "preséntase como acusación popular nesta causa xudicial para probar que Samuel é unha vítima da homofobia e para que se probe en sede xudicial a existencia dun delito de odio".
"Ninguén neste mundo debería morrer mallado ao berro de maricón de merda", subliñou a presidenta da asociación, Ana G. Fernández, quen recalcou a importancia de "deixar que a Policía continúe as súas investigacións", aínda en curso.