O buque Blue Star fica xa sen carburantes no seu depósito, após seren mesturados fuel e gasóleo. Os traballos remataron na tarde desta segunda feira 2 de decembro.
Pouco antes, contra as 11 da mañá, producíase un vertido de dez litros de combustíbel sobre o mar, o que produciu unha mancha de cinco metros cadrados. O vertido debeuse á rotura dunha das mangueiras que levaba o combustíbel entre a popa e o tanque de proa.
A retirada produciuse este 2 de decembro, a pesar de que xa a 24 de novembro o delegado do Goberno na Galiza, Javier Losada, asegurara na Radio Galega que "a prioridade" era "baleirar" de combustíbel o 'Blue Star', encallado na ría de Ares. Losada admitira que o 'Blue Star' contiña a bordo 45 toneladas de fuel e 60 de gasóleo "para a navegación". Preguntado sobre o risco de contaminación, Losada insistiu en que estaban en alerta as barreiras de Fene, Ferrol e A Coruña "por for preciso actuar".
Durante a extracción nesta segunda feira, mantivéronse na zona o remolcador 'Don Inda', de Salvamento Marítimo e o 'Salvamar Betelgeuse', así como o remolcador 'Ría de Vigo', da Xunta.
Tamén sobrevoou o lugar o helicóptero 'Pesca 2' da Xunta, para comprobar se a vertedura afectara á costa. Outro remolcador continuou cun cabo unido ao Blue Star, contratado pola empresa SMIT Salvage, á súa vez encargada polo armador para o rescate do buque.