Da Coruña a Monforte, de Vigo a Ribadavia, pasando por Lugo, Ferrol, Compostela, Chantada ou As Pontes. Estas foron só algunhas das case 40 presentacións que se realizaron ao longo do país desde finais de maio até o remate de xuño para dar a coñecer polo miúdo Sermos O Diario Galego. Máis de mil persoas asistiron a estes actos. Acabou a primeira fase destas presentacións coa publicación do nome da persoa gañadora dunha fin de semana no Pazo da Pena (Manzaneda), que se sorteaba entre as persoas que se subscribiron ao proxecto. Francisco Mosquera Nogueira, quen foi o subscritor número 182 (cifra que coincidiu co sorteo da ONCE do día 2), é o agraciado.
Comeza agora unha segunda fase de promoción, que se prolongará até o 31 de xullo. Tamén haberá sorteo dunha fin de semana nun estabelecemento rural, desta volta en Casa Lourán, en Monfero, para quen se subscriba entre o 1 e o 31 de xullo. Presentaranse as bases nos próximos días na web www.odiariogalego.gal.
Nas próximas semanas rematarán os actos de presentación. Esta quinta feira terá lugar a de Salceda de Caselas (19:30 horas, Casa da Cultura) e o sábado a de Carnota (20:00 horas, salón de plenos). O 10 de xuño é a quenda de Teo (21:00 horas, Casa común de Cacheiras); o 13 do Porriño (a partir das 21:00 horas na Sala Ingrávida) e o 14 na Laracha (20:00, local AA.VV O Campo da Festa de Paiosaco].
Todas as presentación foron convocadas por asociación e colectivos do tecido cultural, social, ambiental ou veciñal do país. O obxectivo da campaña é lograr as 3.000 subscricións antes do 31 de xullo, a cifra que permitiría facer realidade este proxecto para ter en Galiza un diario propio.
En papel publicarase con 32 páxinas e a cor de terza a sábado, durante os cinco días consecutivos. A maiores, os sábados, levará encartado un suplemento de fin de semana, Sermos Galiza, con outras 32 páxinas. En total Sermos O Diario Galego sairá 258 días ao ano. Alén da edición en papel, terá unha edición en liña, que se actualizará no momento segundo se produza a información en cada un dos sete días da semana. Así mesmo, recollerá parte da información que se publique en Sermos O Diario Galego en formato papel.