Ana Isabel Dopico, filla dun ex traballador de Alcoa, iniciou unha recollida de sinaturas on line contra o despedimento colectivo de 534 traballadores na planta de San Cibrao.
No escrito en change.org, que nas súas primeiras 24 horas obtivo 4.800 sinaturas e esta segunda feira pola mañá contou con máis de 5.000 apoios, diríxese á ministra de Industria, Reyes Maroto, para evitar o peche da fábrica de aluminio San Cibrao, do que só a alúmina seguiría operativa, segundo a compañía.
Na súa petición, a veciña da Mariña remarca que esta fábrica de Alcoa é "a base da economía para unhas 100.000 persoas", ao tempo que lembra que representa "un terzo" do PIB da provincia de Lugo.
"É unha incidencia moi grande para Lugo debido á proporción de habitantes da provincia, incluso maior que outros casos como o peche de Nissan en Barcelona, por iso é tan importante continuar coa súa actividade", afirma a creadora da petición segundo explica esta plataforma nun comunicado.
"Meu pai traballou hai anos, polo que sei o esencial que é o traballo que ofrece a planta para as familias da contorna", engade.