O rexedor de Cangas do Morrazo, Xosé Manuel Pazos, vén de falecer na xornada de hoxe no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo despois de ser ingresado esta fin de semana debido aos efectos dunha longa enfermidade de pulmón.

O alcalde, representante de Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE), tiña 63 anos e seguía á fronte do Consistorio -agora nun goberno bipartito co PSOE- a pesar dos efectos da súa doenza. Estivo traballando até a sexta feira, pero logo empeorou a súa saúde.

De feito, a pasada semana convocara para esta segunda feira un encontro no que pretendía pór fin a unha crise do Executivo municipal por un enfrontamento entre os concelleiros Mariano Abalo e e Eugenio González, este último representante do PSOE.

Pazos era moi apreciado na localidade pois sempre amosou o compromiso co cargo público malia as citas médicas para tratar o cancro que tiña de continuo.

Segundo Faro de Vigo tan só deixou a Alcaldía de forma temporal en outubro de 2018. Foi para someterse a unha operación que só o mantivo apartado das súas responsabilidades como rexedor un mes.

Traxectoria na Galiza

O político estaba á fronte do Consistorio de Cangas desde 2015 pero xa tiña moita experiencia na política. Previamente fora concelleiro da vila dúas veces: nos 90 con Esquerda Unida-Esquerda Galega e con ACE de 2007 a 2009.

Ademais, representou a Esquerda de Galicia no Parlamento galego, onde acompañou a Anxo Guerreiro após que se dera unha coalición co PSdeG que dirixía Abel Caballero en 1997.