A Universidade de Santiago de Compostela (USC) vive momentos de dor debido ao falecemento do profesor Manuel Jordán Rodríguez, docente de Economía na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da institución académica. O pasamento decorreu hai dous días, tendo Jordán 64 anos.

O mestre universitario pertencía ao departamento de Economía Aplicada e algunhas das súas principais liñas de investigación foran as políticas agrarias, a economía forestal e vinculada co medio amiente e o estudo de estratexias para o desenvolvemento do rural.

Segundo indica o seu apartado na web da USC, Jordán graduárase en Ciencias Económicas en Compostela en 1979. Máis tarde, xa en 1992, acadara o doutorado.

"Máis alá da súa traxectoria como docente universitario, destaca no seu currículum a participación en numerosos traballos científicos sobre o cooperativismo na Galiza", indican as mesmas fontes. De feito, o seu "extenso coñecemento" quedou preservado en diferentes textos académicos.

O profesor tamén foi o coordinador científico da obra Libro Branco do Cooperativismo Galego.

Aliás, era membro do grupo de investigación Economía Agroalimentaria e Medioambiental, Desenvolvemento Rural e Economía Social (Ecoagrasoc) desde que se constituíu no ano 2004.

Ao pesar polo seu pasamento en Compostela sumouse tamén a Facultade de ADE do campus de Lugo, tamén dependente da USC.