O cantante de Jarabe de Palo, Pau Donés, morreu esta terza feira aos 53 anos vítima dun cancro, que padecía desde hai cinco anos, segundo informou a familia Donés Cirera nun comunicado.
A familia agradeceu ao equipo médico e a todo o persoal hospitalario "todo o seu traballo e dedicación durante todo este tempo", e pediu o máximo respecto e intimidade nestes momentos tan difíciles.
A familia deu as grazas ao Hospital da Vall d'Hebrón, Hospital Sant Joan Despí Moisès Broggi, ao Institut Català d'Oncologia, ao servizo de paliativos do Hospital de Vielha e ao Instituto Oncolóxico da Vall d'Hebrón.
O cancro de colon que padecía obrigouno a deixar a súa carreira musical, mais o pasado mes de abril anunciou o seu regreso coa presentación a través das súas redes sociais da canción Vuelvo.