Os expertos que o Parlamento reunira despois da vaga de lumes de outubro do 2017 para redactar un informe que orientase as políticas públicas no goberno do lume volveron á cámara para subliñar algunhas liñas de traballo.
Unha: profesionalizar as brigadas.
Recomendan primar o servizo público profesionalizado, completado con empresas públicas como "reforzo" á estrutura básica. Piden unha carreira profesional que dea "estabilidade" e formación ao persoal. Ampliando o equipo a técnicos e axentes especialistas en grandes incendios forestais, con novos protocolos entre distritos e provincias, e unha maior coordinación no mando único.
Dúas: reordenar as brigadas.
Diante de novas tipoloxías de lumes, unha reordenación dos efectivos. Transformar as 140 brigadas da Xunta, pasando cada unha de sete a cinco compoñentes, para ter 210 brigadas e garantir a "adecuada cobertura territorial". Coas 137 de reforzo de campaña (seis meses) o número de brigadas chegaría a 347.
Tres: máis efectivos e material.
Recomendan repoñer os postos de 50 emisoristas e 203 vixiantes que foron suprimidos e chaman a atención sobre as "moitas casetas [de vixilancia] pechadas". Aconsellan contratar 250 brigadas municipais profesionais de reforzo, cun sistema de selección "idéntico" ao da Xunta. Todas elas dotadas con motobombas (e condutores). Concentraríanse na vixilancia e prevención, e na extinción en lumes de "baixa intensidade". Reclaman ademais recuperar os avións de carga en terra e aumentar os helicópteros de tipo medio.
Catro: novas plantacións en zonas de interface.
Cambiar a estrutura forestal a medio e longo prazo é "mais rendible" que investir en extinción, constatan os expertos. Mentres, piden aumentar as caducifolias e frondosas autóctonas e as plantacións en mosaico nas zonas de interface urbano-forestal.
Cinco: reforzar os recursos no Sur do país.
Ourense rexistra na última década o 41% dos lumes e o 59% da superficie queimada, pero só conta co 31% das brigadas, por iso o grupo avoga por unha "redistribución territorial" para que coas incorporacións póidase alcanzar o 43% do persoal nos distritos ourensáns, á vez que tamén haxa un incremento relativo no de Pontevedra. Tamén piden unha nova base no sur, a maiores da reapertura en Beariz.
En xeral, os deputados da oposición presentes na comisión valoraron moi positivamente o informe e as aclaracións do grupo. Antón Sánchez, dos comúns, dixo que a Xunta "fixo constantemente o contrario do que dicían os expertos". Xosé Luís Rivas (BNG) agradeceu que dean "voz" ao que era un "clamor" do servizo de extinción, e Davide Rodríguez (Grupo Mixto) asegurou que "se este documento se chega a aplicar ao 100% o problema endémico de incendios seguramente desapareza ou se reduza moito".