O estudo de seroprevalencia elaborado polo Ministerio Sanidade, xunto ao Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) e o Instituto Nacional de Estatística (INE), coa colaboración das comunidades autónomas, determinou que só 1,9% da poboación galega superou a COVID-19, a enfermidade que provoca o novo coronavirus, e presenta anticorpos IgG.
Esta cifra supón a terceira menor taxa de inmunidade poboacional das comunidades do Estado, por riba de Illas Baleares (1,4%) e Murcia (1,6%) e ao mesmo nivel que Asturias.
A nivel estatal, esta porcentaxe situouse no 5,2% da poboación.
O obxectivo do traballo, que comezou o pasado 27 de abril e que foi realizado en tres vagas, foi estimar a prevalencia de infección do novo coronavirus en España mediante a determinación de anticorpos fronte ao virus por comunidades autónomas, provincias, idade e sexo.
Para iso, estudáronse, en tres vagas, a 68.296 persoas de todas as idades, comunidades e provincias, ás cales se lles convidou a participar por teléfono.
Ademais, realizáronse 186.908 test rápidos (máis 9.755 no estudo específico insular) e recolléronse 165.176 mostras de sangue (máis 9.130 adicionais no estudo específico insular).
No conxunto das tres vagas do estudo, Galiza abeirou 2% da poboación con anticorpos contra este virus. Concretamente, na primeira vaga detectouse un 2,1%, que subiu ao 2,2% na segunda e baixou ao 1,9% na terceira e última.
Por provincias, son as do sur as que, neste informe final, teñen unha maior taxa de anticorpos contra a COVID-19: Ourense (2,5%) e Pontevedra (2,1%), mentres que na Coruña rexístrase un 1,6% dos analizados e en Lugo un 1,5%.
En canto á evolución entre as tres vagas, na provincia da Coruña pasou dun 1,8% ao 2,2% e ao 1,6%, mentres que na de Lugo, onde actualmente se rexistra un brote que mantén illadas a unhas 70.000 persoas na Mariña, aumentou inicialmente do 1,8% ao 2,2% para caer despois ao 1,5%.
En Ourense, os datos pasaron de 2,9% a 2,2% e a 2,5%. Finalmente, en Pontevedra os datos foron bastante estables (2,2%, 2% e 2,1%).