Sen resposta. Ese é o froito obtido por Esculca nas “innumerábeis xestións” realizadas para tentar ser recibidos polo director do cárcere de Teixeiro, José Ángel Vázquez Yáñez. Xestións feitas por diversos medios, informan desde o Observatorio, “entre eles o correo postal (por esixencia do propio director)”. O interpelado, indica Esculca, marchou de vacacións.
Non é esta a primeira vez que o observatorio solicita manter entrevistas con responsábeis do cárcere de Teixeiro para lles transmitir a súa “preocupación pola situación de determinadas persoas presas ou por cuestións referidas ás condicións de habitabilidade do centro”.
Para Esculca, o novo director da cadea -antes director dos penais de Pereiro e A Lama- parece entender que a súa xestión “en modo algún pode ser non digamos controlada senón nin sequera observada ou comentada por organismos da sociedade civil”.
Esta actitude do director do penal contrasta, sostén o Observatorio, co seu gosto por “dar publicidade ás súas politicas carcerarias (medidas como o módulo de respecto mixto do penal da Lama, por exemplo) ou aos seus compromisos electorais (como candidato a alcalde polo PSOE en Curtis nas eleccións municipais de 2007, por exemplo)”.