Esta cuarta feira (1 de xullo) entran en vigor dúas das reformas lexislativas máis polémicas impulsadas polo goberno de Mariano Rajoy. Dunha banda, a Lei de Seguridade Cidadá, máis coñecida como Lei mordaza. Un instrumento xurídico que pune e sanciona como delitos frear un despexo, reunirse ou manifestarse sen previa comunicación e mesmo a "falta de respecto" e "consideración" ás Forzas de Seguridade do Estado (FSE).
Porén, entre as 44 condutas que serán consideradas infraccións co novo texto recóllense tamén a difusión e uso non autorizado de imaxes que atinxan policías --con multas que oscilan entre os 601 e os 30 mil euros. Un feito que supón a limitación do dereito á información.
De maneira complementar, a reforma do Código Penal tamén inicia a súa vixencia esta cuarta feira. A nova lexislación foi aprobada unicamente cos votos a favor do Partido Popular e as demais forzas do arco parlamentar avanzaron que presentarán un recurso perante o Tribunal Constitucional que afecta a 11 artigos.
Todas as forzas parlamentares agás o PP recorrerán perante o TC a reforma do Código Penal
Todos os grupos --agás o que dá apoio ao goberno-- coidan que contravén a prohibición de penas inhumanas (artigo 15.1 da Constitución); vulneración dos principios de proporción e de culpabilidade, o dereito á liberdade, o principio de legalidade penal e contraria o mandato de resocialización, en tanto que permite a cadea perpetua dunha persoa reclusa. E é que, baixo a fórmula da revisión da privación de liberdade permanente o goberno lexitima a revisión das condeas e a súa prolongación.
Para alén disto, o novo Código Penal suprime as faltas que pasan a ser punidas como delitos leves ou sancionadas administrativamente sen intervención xudicial. Desde o executivo español defenden a medida argüíndo que procura alixeirar o traballo da xustiza. Porén, todos os procesos abertos até o momento por esta vía deberán ser revisados de acordo co novo marco legal, o que incrementará o traballo.
Perante a entrada en vigor destas dúas normas e, nomeadamente da Lei mordaza, a Confederación Intersindical Galega (CIG) convocou concentracións esta cuarta feira nas 7 cidades galegas. A CIG considera que "con esta reforma da lei de seguridade cidadá, o PP devólvenos a tempos pasados nos que a represión e a censura eran a forma de coartar as liberdades públicas" sinalando como obxectivo da mesma a “represión e criminalización da resposta social”.
Para a central sindical a Lei mordaza torna "os conflitos laborais en conflitos de orde pública e introduce un catálogo de faltas ou infraccións que non pondera as circunstancias especiais que concorren no exercicio dos dereitos fundamentais de liberdade sindical e de folga" polo que animan a facer parte das mobilizacións a toda a cidadanía.
Horas e lugares das concentracións
- A Coruña, ás 11:30 horas diante da Delegación do Goberno.
- Ferrol, ás 11:30 horas diante do edificio da Xunta de Galiza.
- Lugo, ás 12:00 horas diante da Subdelegación do Goberno.
- Vigo, ás 11:00 horas diante do edificio da Xunta de Galiza
- Compostela: ás 12:00 horas diante da sede do PP (Rúa Alfredo Brañas)
- Ourense: 11:00 horas diante da Subdelegación do Goberno
- Pontevedra: 11:30 horas diante da Subdelegación do Goberno