"Suplicámosvos a vosa axuda, se non tomades todas as medidas isto non vai rematar nunca, moita xente finará e teremos que velos morrer na planta". Así de contundente se dirixiu hoxe á poboación a enfermeira Mónica Pérez, que actualmente traballa na 'planta Covid' do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac).
Nunhas declaracións remitidas aos medios, alertou da "preocupante" situación que están a vivir no hospital e, en nome do persoal de enfermaría, pediu colaboración cidadá para frear o constante goteo de ingresos.
"Por favor, coidádenos aos que vos coidamos", dixo. Neste senso, lembrou que as e os profesionais da Sanidade galega traballaron "sen parar" desde marzo do pasado ano.
Hoxe seguen a facelo, mais comezan estar "esgotados", ou, máis concretamente, "desanimados", porque non souberon transmitir á poboación a importancia de cumprir as medidas sanitarias ou ben esta mensaxe "non calou" na xente.
"Non podemos ter contacto social máis que para o imprescindíbel, só para saír da casa para as cuestións esenciais", salientou.
Aumento da presión nos hospitais galegos
Así as cousas, o Chuac non é o único centro que comeza padecer saturación por mor da Covid-19. As traballadoras da UCI do CHUS compostelán levan semanas mobilizadas reclamando "máis seguridade" nun entorno tomado polos doentes desta enfermidade e cun alto risco de contaxios.
Tamén preocupa a situación do Hospital do Meixoeiro de Vigo, onde se detectou o pasado domingo un gromo na unidade de Xeriatría que afectou a perto de 40 persoas e que obrigou ao Sergas a trasladar a varios pacientes ao Hospital Álvaro Cunqueiro.