Como cada mes de xuño, a veciñanza de Pontevedra e Marín únese nunha manifestación que transcorre á beira da ría e conflúe á altura de Ence para reivindicar, precisamente, a expulsión da fábrica de celulosa do seu emprazamento actual. Porén, a deste sábado non é un protesto máis. Cobra especial relevancia após aprobar o Goberno de Rajoy en xaneiro, cando xa estaba en funcións, a prórroga da concesión de Ence na ría por 60 anos.
A Plataforma Ence fóra da ría fai un chamamento para que a xente participe da marcha contra o mantemento da pasteira en Lourizán baixo o lema “Móvete pola ría”. Aliás, a convocatoria da manifestación apela ao saneamento integral da ría e a acabar coa eucaliptización dos montes da Galiza.
O presidente da Federación de Asociacións Veciñais Castelao, Juan Loureiro, salientou que a “vocación” da ría pasa pola “explotación racional dos recursos marisqueiros, da baixura e do turismo”, algo imposíbel de manterse Ence na ría. Tamén apelou á necesidade de acabar con todos os vertidos á ría e cargou contra a decisión do PP de permitir que Ence siga a contaminar durante outros 60 anos.
A este respeito, o presidente da federación sinalou que existen posibilidades de revogar a prórroga a Ence –empresa con tres ex cargos do PP no seu Consello de Administración- por vía administrativa e xudicial. Subliñou, a maiores, a importancia da mobilización social.
[No semanario Sermos Galiza nº181 publicamos unha ampla reportaxe sobre Ence e os vínculos da empresa co Partido Popular. Está dispoñíbel na loxa]