A empresa propietaria da electroquímica, Bondalti, confirmou esta sexta feira o fechamento da factoría e acompañou o anuncio con acusacións contra o concello de Pontevedra, a quen atribúe unha "oposición destrutiva".
Bondalti, firma portuguesa que si valorou o apoio da Xunta de Galiza, afirma que a compañía vai manter a súa base loxística no porto de Vigo e enfatiza que a súa actividade comercial vai continuar na Galiza.
En xullo pasado concluira a súa concesión, mais o goberno do Estado considerou naquela altura que a factoría podería continuar en funcionamento en tanto en canto o Consello de Estado non resolvese o expediente sobre a caducidade da súa licenza. As dúbidas sobre o fin do proceso terían abocado a firma lusa a deitar a toalla no chan.
En xullo desde o concello se argumentara, por boca da edil Carme Da Silva (BNG) , que "non se trata de que caduque a concesión, é que se acaba". A súa continuidade "non é posíbel", afirmara taxativa a concelleira nacionalista.
"Ence e Elnosa son dúas pezas do mesmo puzzle", ten dito o portavoz da ADPR, Antón Masa, para quen compoñen un conglomerado responsábel da alta contaminación da ría de pontevedra.
A ADPR defende que o fechamento definitivo da actividade de Elnosa sexa "o primeiro paso" para o desmantelamento definitivo do "complexo ilegal e contaminante ENCE-Elnosa".
A electroquímica produce en Lourizán cloro, sosa e derivados e faino con tecnoloxías obsoletas.
Nota: imaxe dunha mobilización contraria á permanencia de Ence e Elnosa na Ría.