O escritor vigués Domingo Villar foi ingresado esta madrugada no hospital Álvaro Cunqueiro tras sufrir unha hemorraxia cerebral.
Segundo puido saber Europa Press, o autor de obras como A praia dos afogados atópase en coma na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do centro hospitalario, após ser trasladado en estado "moi grave".
Domingo Villar (1971) é un dos escritores galegos máis recoñecidos grazas á tradución dos seus libros a varios idiomas, a partir das versións orixinais en galego e castelán. Ollos de auga foi a súa primeira novela, publicada en 2006, seguida de A praia dos afogados. En ambas, Vigo ten un papel protagonista.
Precisamente, o escritor de novela negra foi un dos galardoados co premio Vigués Distinguido este ano, grazas á súa obra, recoñecida en todo o mundo.