"No ámbito da comunicación, debe haber sempre varias voces para poder enterarse do que pasa. Por iso, O Diario Galego é a biodiversidade necesaria para o país", explica Henrique Alvarellos. O director da editorial Alvarellos valora este abano de perspectivas como unha vía imprescindíbel "para entender o que nos pasa e, tamén, para saber que temos que facer para que vaian emllor as cousas".
A respecto da importancia do proxecto dentro do ámbito editorial, Alvarellos incide na importancia de que Sermos Diario Galego dispoña dunha "sensibilidade especial" de cara a este "sector estratéxico para o país". "O mundo do libro e da creación literaria viviu nos últimos anos un retroceso nas conquistas mediáticas: as seccións de cultura foron ficando diluídas até se converteren en seccións de sociedade e actos varios onde a cultura escrita ficou en segundo plano", sinala o editor. Por isto, Alvarellos reclama un mesmo status do sector do libro en Sermos Diario Galego que permita poñer en valor o mundo da escrita.