Denúnciao a CIG

“Un día despois das eleccións, o Goberno de Feixoo comunica a retirada da ambulancia medicalizada do Salnés”

Ambulancias do 061 (Sergas).

A CIG denuncia que o dispositivo de atención avanzada será trasladado a Sanxenxo por tempo indefinido.

CIG denuncia que “tan só un día despois das eleccións, o goberno do PP na Xunta de Galiza comunicaba ao persoal da ambulancia medicalizada do Salnés que a partir da cuarta feira será trasladada a Sanxenxo, onde farán base no centro de saúde”.

O sindicato nacionalista considera “un engano e un menosprezo absoluto a toda a cidadanía da comarca que o PP agardara a coñecer os resultados das eleccións para anunciar este recorte dos servizos públicos e evitar así que lle pasara factura nas votación”.

A ambulancia medicalizada (con base no Hospital do Salnés) comezou a funcionar o pasado mes de outubro, “despois de anos de reivindicación e mobilizacións. 

Porén, a CIG do Salnés xa denunciou que se trataba dunha ambulancia "low cost" ao contar cun médico e unha enfermeira pero só 1 técnico/a dos 2 necesarios. Esta dotación de efectivos, apuntan, "é a mínima para prestar unha atención axeitada e evitar a sobrecarga de traballo e o sobreesforzo no persoal".

Agora, coa chegada do verán, “a Xunta decide suprimir este servizo e trasladar a ambulancia a Sanxenxo, cunha poboación estábel moi inferior e cando este concello está cuberto tamén pola ambulancia medicalizada de Pontevedra. Un cambio que se fai, ademais, sen comunicación previa aos traballadores e as traballadoras, sen informar en que condicións, nin concretar durante canto tempo”.