A Axencia de Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aesan) alertou esta cuarta feira da detección de corpos metálicos de carácter ‘estraño’ no interior dos envases de froitos secos que comercializan varias empresas distribuidoras de alimentos.
En concreto, o organismo rexistrou a presenza destes corpos en produtos das marcas Carrefour, Eagle, Alesto (Lidl), Consum, Eroski e DIA.
Foi o Sistema Coordinado de Intercambio Rápido de Información (Sciri) de Catalunya quen avisou a Aesan desta irregularidade, rexistrada en nove lotes de produtos envasados de améndoas, cacahuetes e variedades de froitos secos.
De Alesto, o produto que rexistrou a presenza destes corpos metálicos é a bolsa de améndoas fritidas con mel; de Eroski, Carrefour, Consum e DIA, as bolsas de cacahuetes fritidos con mel de 100, 125, 150 e 200 gramos respectivamente.
Por último, da marca Eagle os produtos afectados son a variedade de froitos secos con mel e sal e as bolsas de cacahuetes con mel e sal de 40, 75 e 90 gramos.
Retirada do mercado
Polo pronto, a Aesan recomenda que aqueles consumidores e consumidoras que conten nos seus fogares con produtos deste tipo “se absteñan de consumilos e os devolvan ao seu punto de compra”.
Ademais, o Sciri xa se puxo en contacto coas autoridades competentes das autonomías e coa Rede de Alerta Alimentaria Europea para que se inicie o proceso de retirada destes produtos da comercialización.