A área sanitaria de Santiago e O Barbanza informa de que catro profesionais de enfermaría se desprazaron esta cuarta feira ao centro de traballo para realizar probas a 86 traballadores e traballadoras, despois de detectarse os contaxios no cadro de persoal.
Desde Correos informan de que o centro presta o servizo "con normalidade" e todas as actividades "desenvólvense seguindo as instrucións de seguridade marcadas polas autoridades para preservar a saúde do persoal e a cidadanía".
Segundo trasladou onte nun comunicado, a aparición deste foco activou o protocolo estabelecido, polo que se procedeu á desinfección das dependencias, e garantiu que "todos os profesionais da compañía dispoñen do material de protección necesario para levar a cabo o seu labor con seguridade e contan con información sobre os protocolos" en función de cada posto.
Previamente, o sindicato CXT alertara da situación "alarmante" neste centro, que distribúe correspondencia e paquetería para todo o noroeste peninsular.
Para contelo, reclamoua realización "urxente" de probas PCR a todo o persoal, argumentando que Correos coñecía o primeiro positivo desde o pasado día 20 sen indicar "ningún tipo de illamento preventivo".
Así mesmo, a central pide medicións de temperatura ao conxunto do persoal, que haxa unha detección de todos os contactos sospeitosos e que se respecten os dous metros de separación interpersoal, cunha medida que, denuncia "non se está cumprindo".