Trátase dun petróglifo cunha "arma rodeada por ducias de cervos", explica en conversa con Sermos Galiza Juan Ángel do Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro. Un gravado "inusual e único" nas "aproximadamente 3.500 rochas" que existen rexistradas na Galiza porque se trada dunha "arma asociada unicamente a animais", non a persoas ou outras armas, explica Benito Vilas, un dos investigadores xunto con Alia Vázquez Martínez e Miguel Carrero Pazos.
"Trátase de algo inusual non, algo único", sinalan desde a equipa de investigación
A descuberta aconteceu no marco das investigacións que desenvolve o Grupo de Estudo para a Prehistoria do Noroeste Ibérico (GEPN) através de técnicas 3D. "Traballando na contorna do parque atoparon nun outeiro un petróglifo moi peculiar" que contén "unha arma" e ocupa polo de agora, á espera de que continúen coa excavación, unha "posición central" e de maior tamaño rodeada por "uns 25 cervos", acrecenta. "Algo inusual non, algo único", enfatiza.
En conxunto trátase dun puñal rodeado de ducias de animais polo que o denominaron 'A manada de cervos de Excalibur', en referencia á coñecida espada do rei Artur, sinala Juan Ángel. Aliás, trátase dunha obra que "semella estar en 3D" pois "ten certo compoñente de modelado, como unha pequena escultura" sobre a pedra embora atoparse certamente deteriorado polo tempo, subliña.
Se finalmente se confirma a posición central da arma podería indicar unha zona de control
O descubrimento supón "un desconcerto" para as persoas que investigan en Campo Lameiro e tamén para o propio parque ao situarse fóra do perímetro de 22 hectáreas que o compoñen actualmente, no monte en man común de Paredes. "Críamos que ao igual que en Toutón ou A Caeira había dous [petróglifos] principais e logo varios que os rodean" porén, as dimensións e importancia deste novo supón "unha pequena revolución científica", sinala Juan Ángel.
Sobre o seu significado aínda fica estudar a peza mais "as armas" son habituais en "sociedades guerreiras" e "a caza do cervo pode ser un ritual dos guerreiros", di Juan Ángel. "Se finalmente se confirma a súa posición central" no gravado, "podería indicar unha zona de control, do home dominando a natureza", acrecenta Benito Vilas.
As excavacións comezarán entre o mes de setembro e outubro. Desde o parque agardan poder amosalo ao público con posterioridade.