Nas cadeas do Estado español, tamén nas ubicadas en Galiza, hai malos tratos, torturas e outras vulneracións de dereitos humanos. Esta é a denuncia que varios colectivos - Esculca, Xustiza e Sociedade de Galicia, o Observatorí del Sistema penal i el Drets Humans e Avogados Novos- realizaron esta cuarta feira en Vigo nunha comparecencia para dar a coñecer a situación de Javier Guerrero Carvajal, preso na cadea da Lama que leva máis de 130 días en greve de fame.
A tortura e os malos tratos non son casos isolados, aseguran, e lembran que nestes anos houbo varias denuncias ao respecto en prisións ubicadas en Galiza. Por iso urxen as administracións a adoptar actuacións para poñer fin a esas situacións e a “facer efectivo o respecto aos dereitos das persoas privadas de liberdade”. Unha das denuncias realizadas é sobre as “dificultades” que deben enfrontar os avogados na defensa “dos dereitos dos presos”: Propoñen quendas de avogados de oficio para o réxime penitenciario, ou que os xuíces investiguen as mortes que acontecen nas prisións.
Estas peticións realizáronse durante a comparecencia na que deron a coñecer o caso de Javier Guerrero, de 33 anos e preso na cadea da Lama. Leva máis de 130 días de greve de fame para reivindicar “a fin dos malos tratos e as torturas” nas prisións. Unhas situacións que, afirman estes colectivos, o propio preso sufriu nas súas carnes. Este protestos non é un caso isolado, senón que hai outros protestos deste tipo no sistema carcelario español
Javier Guerrero “está moi mal de saúde” e perdeu máis de 20 quilogramos de peso, se ben “o estado anímico é bo”. Está desde hai tres meses no hospital mais iso non significa unha ‘relaxación’ nas súas condicións penitenciarias, lembran desde estes colectivos: non puido desde o seu ingreso ver nin falar por teléfono con ningún familiar ou achegado e as súas comunicacións reducíronse á correspondencia a través do seu avogado.
O letrado explicou que Javier Guerrero entrou en prisión a finais de 2004 por delitos contra a saúde pública e a propiedade e a súa saída do cárcere está fixado para 2020, se ben coa redución de 3 anos por preventivas aplicábeis, a súa condena finalizaría a principios de 2017. Cumpriu logo, sinalou, 2/3 da condena (3/4 ao se aplicar as preventivas) polo que podería solicitar a liberdade condicional.