Denuncian un “alarmante aumento” de multas a embarcacións galegas por non levar a bandeira española

Barco en augas arousás (Foto: Arxina)

O BNG nterpelou o Goberno español a este respecto.

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, interpelou o Goberno polo “incremento producido nos últimos nas multas impostas por parte da Garda Civil a embarcacións que non levan a bandeira española”, segundo informa a formación nacionalista.

"Esta intensificación case parece unha campaña de persecución específica con ánimo exemplarizante e de afección ao simbolismo español ademais de recadatorio, tanto por parte do Servizo Marítimo da Garda Civil, como por parte das unidades de patrulla por terra deste Corpo" destacou. Os nacionalistas preguntaron se se deron instrucións desde o Goberno español á Garda Civil para que realice esta campaña sancionadora e o motivo da mesma.

O BNG considera que esta obrigatoriedade de levar a bandeira española pode ser entendida no caso dos buques que saen a augas internacionais ou que se desprazan a augas territoriais doutros Estados, pois nese suposto a embarcación é considerada territorio do Estado español e debe ser facilmente identificada a bandeira baixo a cal navega, pero esta necesidade non se dá no caso das embarcacións que navegan exclusivamente por augas interiores ou que se atopan atracadas en porto.

Rego sinalou que "a falta de bandeira visíbel non afecta á posibilidade de identificación da embarcación, pois debe lembrarse que todas elas deben levar tamén de forma obrigatoria o denominado folio de matriculación que permite aos axentes da Garda Civil comprobar a situación dunha embarcación amarrada ou que se atopa nas augas dunha ría".

As embarcacións afectadas por esta campaña abusiva de multas son principalmente pertencentes aos barcos de pesca ou de marisqueo á boia, embarcacións auxiliares e embarcacións "recreativas", mais tamén pequenas barcas, chalanas ou dornas utilizadas para recreo ou para a captura de peixe para autoconsumo.

O deputado nacionalista salientou que "todas estas embarcacións estarían en principio obrigadas de forma absurda a levar a bandeira española para facilitar a súa suposta identificación mesmo aínda que non saian do porto. É máis, a lexislación vixente obriga mesmo ás bateas, que non teñen consideración de buques senón de artefactos á boia a se identificaren mediante bandeira, o que resulta curioso cando non hai posibilidade de desprazamento e nin tan sequera dispoñen dun mastro onde a pór". Rego solicitou ao Goberno mudar a normativa que obriga a estas pequenas embarcacións a se identificaren mediante a bandeira española.

En 2013 mariñeiros da Ría de Arousa denunciaban que a Garda Civil multaba embarcacións pesqueiras por non levar a bandeira española.

En 2017 as autotridades multaron un pesqueiro da Coruña con 100 euros por levar izada unha bandeira galega de igual tamaño cá española.

O uso da bandeira de España e doutras enseñas a bordo de navíos no Estado está regulada polo Real Decreto 2335/1980, do 10 de outubro. Unha norma que contén tres puntos máis que clarificadores: calquera barco, sen importar do tipo que for, enarborará como “único pavillón” a bandeira española. Que, ademais, deberá ondear no pao de popa e o cumio do pao máis alto da embarcación. Este RD deixa ben claro que non se poderá izar ningunha outra bandeira se non o está a española. E sempre que as dimensións desas bandeiras non superen o terzo da área da enseña española.

Pódese izar a bandeira galega? Pódese, indica esta lexislación, igual que calquera bandeira recoñecida nos estatutos de autonomía. Pódense izar en portos nacionais e augas interiores, iso si, sempre que estea ondeando tamén a española, e a galega non supere 1/3 do tamaño desta.