Defensa da Ría presenta denuncia no xulgado contra o presidente de Ence

Ignacio Colmenares

A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) presentou denuncia no Xulgado de Instrución de Garda de Pontevedra contra o presidente de Ence, Ignacio de Colmenares, polas súas recentes palabras sobre a situación de perigo das instalacións da fábrica de Lourizán.

A denuncia foi presentada esta quinta feira e, segundo informa o presidente da APDR, Antón Masa, céntrase en dúas cuestións fundamentais, a primeira delas no feito de tentar "chantaxear repetidamente un alto cargo do Goberno".

En concreto, a APDR considera de "suma gravidade" que Ignacio de Colmenares acuda até sete veces a reunirse co Secretario do Estado para que modifiquen un texto legal que "estivo en exposición pública", polo que Ence "puido alegar o que considerase oportuno".

"Pretender cambiar un texto legal mediante a presión aos órganos do Goberno non é admisible nun Estado democrático, e mesmo poida que se trate dun feito delituoso", considerou.

O outro punto refírese á situación da planta e ao perigo que supón a falta de investimento para solucionar as súas carencias.

A APDR denuncia que, a pesar de coñecer o seu estado e que "pode derivar nun episodio ambiental de gravidade, con afectación ás persoas", a empresa decide non investir e pór "en risco o medio ambiente, as vidas dos traballadores e a poboación da contorna".

"Decidir non facelo se non se garante a permanencia da empresa en Lourizán máis aló do 2033 é optar, de forma deliberada e consciente, por atentar contra o medio ambiente e a integridade física das persoas, un feito que cualificamos de extrema gravidade e que pode ter implicacións penais", engade Masa.

A asociación dálle credibilidade ao manifestado por Colmenares cando di que a caldeira de recuperación de Ence non cumpre cos mínimos exixibles de seguridade para o medio ambiente e para as persoas e pregúntase pola validez das certificacións ambientais publicadas pola empresa.

"Nesta situación só cabe actuar para evitar que ese risco grave existente chegue a provocar ese 'susto maiúsculo' do que fala o señor presidente e que mesmo pode afectar as persoas", justifica o colectivo ecoloxista.

Á vista destes feitos, desde a APDR solicitan a incoación das dilixencias previas para investigar e depurar as responsabilidades penais que se poidan derivar dos feitos denunciados e que se cite a Ignacio de Colmenares para prestar declaración como imputado.

Ante a denuncia presentada pola asociación, a empresa emitiu un comunicado no que defende que o complexo de Ence en Pontevedra "é totalmente seguro".