Un grupo de 32 profesionais veterinarios indefinidos non fixos da Consellaría de Medio Rural, nalgúns casos con até 20 anos de servizo, cuestionan a convocatoria dun “proceso selectivo extraordinario de consolidacións”, no que sospeitan que a Xunta da Galiza pretende sacar a concurso prazas para asignar o persoal en abuso de temporalidade, o que supón “unha fraude de lei”, salientan.
Despois de requirir a Valedora do Pobo e o Consello Galego de Colexios Veterinarios que reclamen á Xunta información sobre a inclusión destas prazas en fraude de lei en dous procesos de contratación, e que de ser así se exclúan estas prazas.
Explican que “a Administración non quixo regularizar a nosa situación e mantivo as traballadoras e traballadores nunha situación que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea considera abusiva”.
No canto de corrixir “os erros cometidos”, “aceleran os procesos para que ás vítimas non nos reste máis que a saída dunha loita xudicial moi longa e custosa”, explica o colectivo veterinario, que critica que as e os traballadores que “sofren o abuso” sexan sancionados coa convocatoria “de procesos selectivos de concurso-oposición”, o que consideran “inxusto e desproporcionado”.
“Só pedimos que se respecten os nosos dereitos e que sexamos tratados dentro das marxes que estipulan as sentenzas” da Unión Europea, reiteran, pedindo seguridade xurídica e agardando que tanto o Consello como a Valedora intercedan “pola nosa causa e non nos abandonen á nosa sorte”.
Prazas a base de sentenzas
O conxunto de profesionais narran que, as súas prazas, “foron xeradas por cada un de nós por diferentes sentenzas xudiciais que obrigaron a Xunta a incorporalas”, polo que non entenden que, tras dúas décadas, “debamos demostrar que sabemos facer o noso traballo”, despois de que fora nomeado en agosto o tribunal dos concursos, cuxa data será publicada en outubro.
O colectivo, que se sinte “abandonado” polas entidades que median nestes conflitos, destaca que durante a relación laboral con Medio Rural, “respondemos sempre en beneficio de todas as gandeiras e gandeiros”, en moitos casos, asumindo riscos “sen ningún tipo de compensación económica”, ao tempo que contan con “cargas persoais importantes debido á idade que temos”, polo que non ven xusto “enfrontarse aos posíbeis aspirantes ás prazas que ocupamos de maneira indefinida desde hai 20 anos".