O Comité Clínico que asesora a Xunta da Galiza na xestión da pandemia provocada pola Covid-19 acordou o estabelecemento do nivel máximo de restricións nos concellos de Vilanova de Arousa, Cualedro e Laza. Como consecuencia decrétase o fechamento individual do municipio (agás por motivos xustificados de desprazamento), a prohibición das reunións entre non conviventes en calquera espazo e a clausura da hostalaría.
Así mesmo, o Comité determinou o nivel alto de restricións nos concellos de Petín, A Merca, A Pastoriza, Mesía, Ribeira, Padrón, Marín, O Grove, Meaño, Cambados, Salceda de Caselas, Gondomar, Ponteareas e Coristanco.
No nivel alto a hostalaría só pode abrir no exterior, cunha capacidade máxima de 50%. Está permitido xuntarse con non conviventes (catro ou seis, en función de se o espazo é interior ou exterior), e as instalacións deportivas, culturais e lugares de culto abren a 30%. Tamén se pode practicar deporte en grupos dun máximo de catro persoas, sempre coa máscara posta. A mobilidade interna está permitida entre todos os municipios galegos, agás nos que fican no nivel máximo.
Ademais, as medidas do nivel medio-alto rexerán nos termos municipais de Muíños, Verea, O Barco de Valdeorras, Cartelle, Lobios, Verín, Xinzo de Limia, Allariz, Carballeda de Valdeorras, Meira, Chantada, Rianxo, A Pobra do Caramiñal, Melide, Carnota, Ordes, Lalín, Silleda, Ribadumia, Poio, Vilagarcía de Arousa, Cangas, Nigrán, O Porriño, Tui, Vigo, A Laracha, Betanzos, Cambre, Carballo e Ares.
No nivel medio-alto permítese á hostalaría abrir nas terrazas a 50% e no interior a 30%. No tocante ás demais medidas, non mudan con respecto ao nivel alto.
No resto dos concellos galegos estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo. A hostalaría pode abrir a 75% no exterior e 50% no interior, e as instalacións deportivas, culturais e de culto teñen tamén capacidade de 50%. As restantes restricións non difiren das estabelecidas nos niveis medio e alto.
Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00 horas da vindeira segunda feira, 3 de maio.