A plataforma cidadá percorreu esta mañá as rúas da Coruña para reclamar, máis unha vez, que o Concello recupere de balde os terreos públicos da Solana –actualmente propiedade da Autoridade Portuaria, que llos ten concesionados a empresas privadas que xestionan o Hotel Finisterre e o complexo deportivo Metropolitan-, así como os peiraos de Batería e Calvo Sotelo, a Maestranza e o antigo cárcere.
A mobilización partiu pasadas ás 12h desde a sede da Autoridade Portuaria e rematou media hora após no perímetro da Maestranza, onde tomou a palabra Rosa Quiroga, presidenta da Asociación Veciñal da Cidade Vella, para ler o manifesto da convocatoria e reclamar a devolución gratuíta dos citados terreos para a veciñanza da Coruña.
A comisión volveu amosar a súa satisfacción pola acollida desta convocatoria, así como das anteriores, en defensa do común. Pregúntase “como é posíbel que teña que xurdir unha plataforma cidadá para reclamar a devolución dos terreos, mentres as institucións públicas só pensan en fixar o prezo a pagar por terreos que son da cidade dende a súa fundación”.
Próximo acto, un concerto
Dentro da xeira de mobilizacións que impulsa esta plataforma cívica, o próximo acto consistirá nun “concerto pola devolución”, que terá lugar nas próximas semanas no Parrote.