Os hospitalizados pola Covid-19 na Galiza descenden a 669, 47 menos que a xornada anterior, mentres que os casos activos aumentan lixeiramente a 11.627. En canto á taxa de positividade, aumenta a 28%.
Segundo os datos actualizados esta quinta feira pola Consellaría de Sanidade, con rexistros até as 18 horas da cuarta, recollidos por Europa Press, aumentan a 27 as persoas hospitalizadas en UCI pola Covid-19 (cinco máis) e descenden a 642 as ingresadas en unidades convencionais (52 menos), mentres que 10.958 pacientes permanecen en seguimento no seu domicilio.
Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende nas sete. Especialmente na de Ourense, que segue con dous pacientes Covid en UCI, mentres descenden a 97 os ingresados noutras unidades (13 menos).
No caso da de Pontevedra e O Salnés, seguen dous pacientes Covid en UCI e rexistra 76 noutras unidades (11 menos); mentres que na de Ferrol seguen tres en críticos e baixan a 53 os doutras unidades (catro menos).
Na área da Coruña e Cee aumentan a 12 os pacientes hospitalizados en UCI pola Covid (catro máis) e descenden a 151 os doutras unidades (11 menos); mentres que na de Vigo aumentan a seis os críticos (un máis) e baixan a 95 os doutras unidades (catro menos).
Na área de Santiago e Barbanza permanecen dous ingresados en UCI e descenden a 108 os hospitalizados noutras unidades (tres menos); mentres que a de Lugo mantense como a única das sete galegas sen críticos e rexistra 62 noutras unidades (seis menos).
Lixeiro aumento dos casos activos
Os casos activos de Covid-19 rompen a tendencia descendente e increméntanse lixeiramente a 11.627, 169 máis que a xornada anterior.
En concreto, os casos activos aumentan en cinco das sete áreas, coa de Lugo á cabeza (+53), seguida da de Ourense (+52), Vigo (+50), Santiago e Barbanza (+45) e A Coruña e Cee (+36); mentres que descenden nas de Ferrol (-42) e Pontevedra e O Salnés (-24).
Por tanto, con máis infeccións activas mantense a área da Coruña e Cee, con 2.449; seguida da de Vigo, con 2.139; Santiago e Barbanza, con 1.832; Ourense, con 1.611; Lugo, con 1.447; Pontevedra e O Salnés, con 1.254 e á cola segue a de Ferrol, a única por baixo do milleiro, con 881.
Segundo o último informe actualizado polo Ministerio de Sanidade esta pasada segunda feira, 17 de maio, adaptado ao novo sistema de vixilancia da Covid-19 centrado en poboación vulnerábel, a incidencia acumulada a 14 días na Galiza en maiores de 60 anos baixou a 1.160,06 casos por 100.000 habitantes, mentres que a media estatal descendeu a 846,55.
En concreto, a incidencia no grupo de idade de 60 a 69 anos descendeu a 14 días a 1.004,98 casos por 100.000 habitantes; no de 70 a 79 anos a 1.141,79; e no de maiores de 80 anos reduciuse a 1.413,88.
Aumento dos contaxios
Os contaxios de Covid-19 aumentan a 1.025. Co novo protocolo xa non se contabilizan os autotest positivos e non se fan probas de diagnóstico á poboación en xeral, salvo á vulnerábel.
Por tanto, os contaxiados aumentan a 607.717, dos cales 137.605 corresponden á área de Vigo; 125.812 á da Coruña e Cee; 96.352, á de Santiago e Barbanza; 73.871 á de Ourense; 69.439, á de Pontevedra e O Salnés; 66.793 á de Lugo; e 36.970, á de Ferrol.
Esta cuarta feira levaron a cabo 1.940 PCR na Galiza, que elevan a 3.885.993 as probas deste tipo feitas desde o inicio da pandemia, e 2.656 test de antíxenos, 1.742.422 en total.
Falecidos e curados
Os falecidos pola pandemia da Covid-19 na Galiza ascenden a 3.458, tras notificar a Consellaría de Sanidade outras nove vítimas.
Por outra parte, 592.696 persoas curáronse da Covid-19 desde o inicio da crise sanitaria, despois de recibir o alta outras 848 con respecto á xornada anterior.