O número de altas na Galiza pola COVID-19 é de 1.456, 73 persoas máis que na xornada de onte. Un dado que sumado ao alivio da presión sobre as UCIs (hai en coidados intensivos 117 persoas, 6 menos que na quinta feira) ou a que o grao de contaxio está por baixo de un, indicaría que a famosa curva estase dirixindo ao 'aplanamento'.
Porén, as cifras continúan a ser dramáticas, nomeadamente no que se refire a falecementos: o coronavirus provocou até o de agora 429 vítimas mortais, máis de 40% ligadas ás residencias de anciás.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus na Galiza ascende a 6.142.
Deles, 1.371 son da área da Coruña, 591 da de Lugo, 1.207 da de Ourense, 505 da de Pontevedra, 1.095 da área de Vigo, 1.030 da de Santiago, e 343 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 117 permanecen na UCI, 642 están en unidades de hospitalización e 5.383 no domicilio.
O número de PCR realizadas é de 57.400.
No que se refire a residencias de persoas maiores, hai 1.405 persoas contaxiadas, das que 983 son usuarias e 422 traballadores e traballadoras. AS vítimas mortais son 182.
O número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais da Galiza supón 4% do total das persoas residentes.