O Concello de Fornelos de Montes convoca a II edición do premio de xornalismo Manuel Lueiro Rey no ámbito da denuncia social, un certame ao que poderán concorrer todas as persoas que o desexen e cada participante deberá facelo cun único artigo.
Os artigos serán inéditos, deberán estar escritos en galego e estaren redactados nun estilo xornalístico de carácter divulgativo e/ou de opinión no ámbito da denuncia social. Os artigos presentados deberán ter entre 2.500 e 3.500 caracteres con espazos incluídos.
Os artigos deberán presentarse por cuadriplicado, ben no propio Concello ou por correo certificado, en cuxo remite só deberá figurar o pseudónimo. O prazo de presentación rematará o día 30 de xuño de 2018
A dotación do premio único e indivisible que será de 1.000 euros e o xurado estará composto por tres persoas de recoñecida capacidade no ámbito ao que se refire a convocatoria e por un secretario ou secretaria, con voz e sen voto, en representación do Concello de Fornelos de Montes.
Para a selección do traballo premiado, o xurado terá en conta: a orixinalidade dos artigos, a adecuación ao tema e xénero solicitados e a claridade expositiva e a calidade lingüística.