A noticia aumenta a preocupación que xa había debido aos casos positivos detectados entre o persoal sanitario e persoas pacientes ingresadas na planta de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) que sumaban nesta quinta feira 23 persoas contaxiadas.
Así o confirmaba esta quinta feira o xefe de servizo de alertas epidemiolóxicas da xefatura de Sanidade en Pontevedra, o doutor Miguel Álvarez Deza. En concreto, explicou que "na área de Pontevedra e O Salnés" hai na actualidade "32 gromos activos, dos cales 27 desenvolvéronse no ámbito familiar e dous no laboral".
Dos surtos relativos ao ámbito laboral concretou que un se rexistra na Banda de Música Municipal de Santiago, con cinco persoas contaxiadas, e outro "con 23 casos no complexo hospitalario de Pontevedra entre persoal sanitario e pacientes ingresados en Oncoloxía".
Por iso, considera "necesario lembrar outra vez" as tres medidas que hai en vigor “máscara, distancia de seguridade de dous metros e hixiene de mans para evitar a propagación, sobre todo nos ambientes familiares", que é onde se rexistra "a maioría dos casos”, asegurou o doutor Miguel Álvarez Deza.
Fontes do CHUP lembraron que as persoas pacientes na unidade de Oncoloxía contaxiadas foron trasladadas a áreas de hospitalización Covid-19 "para facer un seguimento constante da situación" e o resto de contaxiadas mantéñense illadas nos domicilios.