Dente tempos inmemoriais, as propiedades curativas da Burga Lume de Deus, en Cuntis, veñen sendo aproveitadas, de balde, por todas aquelas persoas que o precisen. A burga está localizada en dominio público e remonta as súas orixes aos primeiros tempos da era cristiá. Unha empresa privada, Termas de Cuntis, pretende intervir nela co beneplácito da administración autonómica, que respalda así á perda de dereitos públicos do aproveitamento das augas. A Plataforma Veciñal na Recuperación do Patrimonio Termal presentou xa un recurso de alzada dirixo á Consellaría de Industria, pois dende a Delegación Territorial de Pontevedra ven de dárselle o visto bo ao proxecto de saneamento integral da burga presentado pola empresa.
De outubro a finais de xuño, a burga Lume de Deus é empregada libremente pola veciñanza, e no verán, é de explotación única de Termos de Cuntis. A Plataforma acusa a “Termas de Cuntis” de intentar facerse cuns dereitos que, até o de agora, non eran seus. A empresa ten a concesión das augas mineromedicinais e di tamén ser a propietaria da arqueta, o que a Plataforma nega en rotundo. A entidade mesmo ten documentado en rexistros o uso veciñal da burga ao longo do tempo. A Plataforma pide que se anule a resolución na que se aproba o proxecto de saneamento, que se declare nulo todo o procedemento. Queren tamén que se lle denegue a Termas de Cuntis a realización de todo tipo de obras e instalacións relacionadas coa burga.
A Plataforma tacha de “unilateral” a decisión da Consellaría de Industria. Considera que limita os dereitos cidadáns e que non ten en conta os dereitos consuetudinarios propios da veciñanza de Cuntis.
O proxecto de saneamento, pode supor riscos mesmo para a saúde. Segundo se recolle na memoria explicativa do proxecto, empregaranse revestimentos interiores en resinas “epoxi”, substancias nalgúns países, como Canadá, por completo prohibidas, ao ser consideradas “substancias químicas perigosas”, ligadas a procesos canceríxenos, alérxicos e inmunolóxicos.