O concerto de Guns N' Roses en Vigo podería ficar sen patrocinio

O espectáculo vendeu todas as entradas ao pouco de ser anunciado.
Guns N Roses durante un concerto en Londres en 2017. (Foto: Raph PH)
photo_camera Guns N Roses durante un concerto en Londres en 2017. (Foto: Raph PH)

A Mesa de Contratación do Concello de Vigo, reunida onte, acordou elevar á Xunta de Goberno a proposta de deixar deserta a licitación dun contrato de patrocinio para o concerto de Guns N' Roses que terá lugar o vindeiro 12 de xuño no Estadio Municipal Abanca Balaídos. O pasado mes de abril anunciouse a licitación deste contrato, cun presuposto base de 1,5 millóns de euros, co lema "patrocinio publicitario dun concerto internacional" a celebrar no estadio de Balaídos entre o 5 e o 27 de xuño de 2023. 

O único licitador presentado foi requirido pola Administración para que corrixise erros na súa oferta, pero a documentación aportada non foi considerada suficiente. Así, a Mesa de Contratación pediu á empresa que presentase unha copia da escritura de cesión dos dereitos de representación en exclusiva do artista, pero a documentación aportada non se considerou válida, polo que concorre o suposto de non admisión do licitador (ao incumprir o prego). 

Por isto, o órgano de contratación propuxo declarar deserto o procedemento, ao non admitir o único licitador presentado por non emendar correctamente a documentación requirida. Esta licitación estivo rodeada de polémica xa que, cando se coñeceu a convocatoria do concurso, grupos da oposición como BNG e Marea de Vigo cuestionaron que tivera que buscarse un patrocinio publicitario para un concerto, o de Guns N' Roses, que ao pouco de anunciarse xa vendera todas as entradas. 

Contratación "fraudulenta"

Na mesma liña, a licitación do contrato de patrocinio deste espectáculo non foi o único que levantou sospeitas en todo o proceso. O pasado 18 de maio, a Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), integrada por máis de 40 empresas da industria musical da Galiza, manifestou o seu malestar "ante as fundadas sospeitas de que o Concello de Vigo tería articulado un procedemento preparado para garantir a contratación de Guns N' Roses preservando a aparencia de legalidade a través do cumprimento dos principios de contratación do sector público". 

Así, este contrato podería "ser articulado en fraude de lei por pretender dotar de seguridade xurídica dun procedemento aberto a unha subvención directa para un evento concreto mediante actuación indebida". 

Comentarios