Máis de 70% dos casos positivos por coronavirus na Galiza seguen desde as súas casas as recomendacións de coidados do Ministerio de Sanidade. Presentan síntomas leves e non cumpren os criterios de ingreso hospitalario acordados polas autoridades. Porén, deben atender unha serie de consellos para superar o contaxio e garantir unha convivencia segura dentro do propio domicilio.
A persoa contaxiada pode vivir soa
Non require vivir acompañada sempre e cando poida asegurar unha asistencia telefónica. Polo tanto, debe contar cun teléfono que garanta a comunicación permanente co persoal sanitario até a resolución dos síntomas.
Cuarto propio
Se a afectada convive con outras persoas é importante que dispoña dun cuarto propio onde poida permanecer illada. Un cuarto individual con ventilación ao exterior e a porta pechada.
Comunicarse polo móbil
A persoa contaxiada deberá comunicarse por móbil co resto das habitantes da casa, co fin de evitar saídas que comprometan a saúde das conviventes. Como norma xeral, o protocolo estabelece que non debería haber na casa persoas con condicións de saúde sensíbeis: de idade avanzada, enfermas crónicas, inmunodeprimidas, embarazadas… Con todo, cada caso valorarase de forma individual.
Cuarto de baño
Cando sexa posíbel, a doente illada deberá dispoñer dun baño para o seu uso exclusivo. Cando sexa necesario compartilo con outras residentes, haberá que limpalo con lixivia despois de cada uso. Tamén se recomenda que conte cun caldeiro para o lixo, de pedal e cunha bolsa de plástico fácil de retirar con todos os residuos que xere dentro da súa estancia.
Zonas comunitarias
Cando a paciente visite zonas comunitarias, deberá facelo con máscara respectando sempre unha distancia de seguridade co resto das persoas da casa de entre un e dous metros. Neste escenario, recomendan evitar calquera fonte de aire, fría ou quente. As zonas comúns deberán manterse ben ventiladas.
Enxoval
A persoa illada deberá contar cos seus propios pratos, vasos e cubertos, así como dispoñer da súa propia vestimenta, roupa de cama e toallas, e non compartir nunca o enxoval que use o resto das conviventes. O lavapratos e a lavadora poñeranse sempre a 60 graos e a roupa da persoa infectada haberá que lavala por separado.
Medidas de hixiene
A persoa enferma deberá seguir en todo momento as medidas hixiene respiratoria: cubrir a boca e o nariz ao tusir ou esbirrar co cóbado flexionado ou con panos de un só uso no cubo do lixo disposto para ela e lavar as mans con frecuencia, con auga e xabón ou con solucións hidroalcólicas.
Visitas
As visitas externas quedarán restrinxidas durante o tempo que dure o illamento. Porén, recoméndase dispoñer dun rexistro de entrada e saída diario das persoas que accedan ao cuarto de uso exclusivo da doente.