O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, confirmou esta cuarta feira que até finais de mes non estará terminada a nova normativa que marcará a desescalada na Galiza, un documento que reunía moitas miradas e que non estará listo até a semana que vén.
Será o presidente da Xunta o que anuncie o "cadro de mando", en palabras do conselleiro de Sanidade. A idea, indicou, era traballar nesta normativa para que entrase en vigor o sábado 19 ou o 26, co que ese é o novo horizonte marcado polo Goberno galego.
A respecto da máscara, o conselleiro recoñeceu que foi motivo de debate no Comité clínico. "Queremos analizar en que situacións no exterior se pode quitar a máscara", indicou o conselleiro, xa que "o concepto de exterior é moi amplo", polo que se opta por elaborar un estudo coas diferentes situacións específicas. García Comesaña, porén, apuntou que a decisión de que deixe de ser obrigatoria no exterior chegará "máis cedo que tarde".
Variantes
Sobre a presenza das denominadas novas variantes na Galiza, desde a Consellaría informouse da presenza de 33 casos da vertente india / Delta, 6 da colombiana, 9 da variante de Nova Iorque, 93 da brasileira, 36 da surafricana e 721 da británica.
A Xunta e os membros do Comité Clínico que se encarga do asesoramento sobre a evolución da pandemia chegaron na terza feira ao acordo de manter tres municipios no nivel medio-alto de restricións. En concreto, as limitacións deste chanzo de risco afectarán Soutomaior, Camariñas e Malpica de Bergantiños.
O primeiro dos concellos mantén a posición da semana pasada, mentres que Camariñas e Malpica suben após incrementarse os contaxios.
Ademais, as e os expertos decidiron que o resto das localidades da Galiza pasen ao nivel medio-baixo, no que se impoñen as limitacións estabelecidas a semana pasada.