A Consellaría de Sanidade comunicou esta terza feira que o fechamento perimetral que pesaba sobre Lobios amplíase á Pobra do Caramiñal e Mos nos próximos días. O acordo sae do encontro coas expertas e expertos do comité clínico que asesora sobre a situación epidemiolóxica da Covid-19, no que se esperaba a aprobación de cambios nas reunións, mais de momento non se comunicou nada ao respecto.
Hai menos dunha semana tomábase a decisión de fechar perimetralmente o concello de Lobios, mais en paralelo permitíase que bares e cafetarías serviran ceas con reserva, ao igual que os restaurantes. Agora haberá tres vilas na mesma situación polo incremento dos contaxios.
No nivel alto de prohibicións, que non impiden saír e entrar dos termos municipais pero si supoñen cambios en cuestións como o servizo da hostalaría, ficarán Ribeira, Moraña, Ponte Caldelas, Ordes e Viveiro.
Así mesmo, no chanzo medio alto decidiuse situar as localidades do Barco de Valdeorras, Moaña, Ponteareas, Cambados, Bueu, Boiro, Rianxo, Cee, Xove, Cervo, Vilalba e Monforte.
Detéctase unha baixada nos chanzos máis elevados, polo que o resto permanecerán no nivel medio-baixo de risco. Todos estes cambios serán efectivos a partir da medianoite do sábado 29.
A cuestión do incremento de persoas nas reunións era algo que distintos representantes da Xunta deixaron ver tanto na fin de semana como nesta segunda feira e é previsíbel que mañá se comunique algo ao respecto, xa que na información de hoxe non engadiron datos neste sentido.Outro dos temas que se analizaron, a pesar de non ter resolución definitiva, é o abandono parcial da máscara nun horizonte temporal próximo. Tanto a Xunta como o Goberno do Estado español anunciaron hai un par de semanas que vían bastante probábel que antes do verán se puidera estar sen este elemento en espazos abertos e con distancias de seguridade.
Cuestións legais
Curiosamente, tamén hoxe transcendeu que a sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) respaldou novamente as medidas restritivas estipuladas pola Xunta para controlar a pandemia, en paralelo ao avance da campaña de vacinación.
Entre estas cuestión, apoiou a limitación dos encontros de persoas que non conviven -seis en exteriores e catro en interiores- e a prohibición de ter xuntanzas entre a 1 e as 6 da madrugada. Estas medidas estarán vixentes até o sábado 29 cando van entrar en vigor os novos acordos.