“Si quiere la atención en castellano pulse 1. Si quiere la atención en inglés pulse 2. Si quiere la atención en catalán pulse 3”.
Así é como recebe o contestador da Radiotelevisión Española (RTVE) a quen chama ao Ente para solicitar información. Parabéns para os cataláns, que son unha das poucas nacións sen estado que traballan a cotío para normalizar a súa lingua, á que coidan e agariman coma se fose unha filla ou unha nai. ¡Non como outros!
Pero, ¿que acontece con nós? Cos galegofalantes e os galegopensantes (que algún queda). ¿Inda non se engalanou ningunha cidade ou vila galega con bandeiras reclamando o mesmo trato? Ou é que os nosos políticos non telefonan xamais á RTVE, aínda que só sexa para preguntar polo prognóstico do tempo. Ou para pedir que lles fagan unha pequena interview.
E o goberno central, que semella que virou periférico-selectivo, ¿non se decatou de que en España existen outras tres ou catro linguas que merecen o mesmo recoñecemento e tratamento? ¡Ah! ¿Que non hai demanda delas? No hi ha cap problema: xa se sabe que a oferta crea a súa propia demanda, ¿nonsí? Máis alén diso, está admitido unanimemente que nas cuestións culturais non opera o imperativo economicista, senón non habería subvencións á cultura.
No hi ha cap problema: xa se sabe que a oferta crea a súa propia demanda, ¿nonsí?
En consecuencia os galegos (eu o primeiro), temos que esixir aos Señores Ministros dos diferentes ramos que, por favor, engadan outros tres ou catro numeriños ao sistema telefónico da RTVE e dos demais Organismos que ofrecen ese servizo de atención aos cidadáns, de xeito que se protexan todos os idiomas que existen no estado. Como ben manda a vixente Constitución (artigo 3.3): “A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección”.
E deixémonos de gaitas. Porque...: ¡CO GALEGO NON SE XOGA!
Xabier Vila-Coia. Madrid.