As XIV Xornadas da Muller que cada ano organizan a CIG-Ensino e a AS-PG terán lugar este sábado, día 11, en Compostela, no IES As Fontiñas. O fío condutor das seis palestras que conforman o programa será a prevención da violencia machista desde a educación.
De 10h a 11h terá lugar o relatorio “A defensa colectiva da coeducación como proxecto social”, en que a profesora da Facultade de CC da Educación da UDC e docente en materia de xénero Ana Iglesias apelará a crear un imaxinario social que opte por practicar a violencia cero ante vellos e renovados sexismos.
De 11h a 12.15h a educadora e pedagoga Aixa Permuy impartirá a palestra “Libres? Equilibradxs? Equilibristas...? A coeducación das emocións”, que fará fincapé na alternativa metodolóxica e de contidos que representa a educación das emocións.
Para finalizar a quenda da mañá, Carmen Ruíz, doutora en Socioloxía e experta en Xénero e Igualdade de Oportunidades, debullará os mitos románticos na palestra “Combater relacións tóxicas: previr a violencia de xénero na adolescencia”. Terá lugar de 12.15h a 14h.
De 16h a 17.30h terá lugar a palestra “A LGBTIfobia é un tipo de violencia machista: como previla nos centros”, a cargo da profesora Kika Fumero, e de 17.30 a 19h, a asesora e formadora en educación Marián Moreno impartirá “O Plan de Igualdade no centro educativo, instrumento básico para coeducar”. Desta maneira, explicará o plan como un recurso para levar a igualdade ás aulas de maneira sistemática.
Fecha a xornada a presentación do libro Escuelas libres de violencias machistas, de Marián Moreno, Kika Fumero e Carmen Ruíz, fundadoras da Asociación Observatorio Coeducativo-LGBTI. Será entre as 19h e as 20h.
Inscrición
A inscrición ás XIV Xornadas da Muller, organizadas tamén polo Concello de Santiago, realizarase a través da web da AS-PG e da CIG-Ensino, até o 9 de marzo (incluído). Solicitouse a homologación do curso por oito horas lectivas. O número de prazas, limitado, cubrirase por orde de inscrición e a matrícula é gratuíta.