A CIG-Ensino vén de revalidar nas elección sindicais realizadas esta quinta feira a súa condición de sindicato con máis delegados e delegadas no conxunto das tres universidades galegas. Dun total de 208 persoas que conformaban a súa candidatura 38 foron elixidas como delegadas, 13 da categoría de PDI (persoal docente e investigador) funcionario e 25 laborais.
As 38 representantes da CIG súmanse as 31 de CCOO, 28 de UXT, 7 de Agptu e 7 de Asociados Vigo. Por universidades, a CIG foi a máis votada na de Vigo mentres que a da Coruña e de Compostela o CSIF foi quen logrou maior número de delegados e delegadas.
Para gañarmos unha universidade con futuro. PDI con dereitos e sen precariedade. Con este lema a CIG-Ensino concorreu a estes comicios co obxectivo de recuperar 13% do poder adquisitivo perdido polo PDI das universidades galegas desde o ano 2010, así como o pago completo das pagas extras nos conceptos dependentes do Estado (salario base e trienios) e o complemento específico nas pagas extras recurtado polo goberno Feijóo durante os anos 2013-2016.
Ademais, o sindicato incorporaba no seu programa a reposición de efectivos, lastrada polas taxas de reposición aprobadas polos gobernos españois. “A imposibilidade de renovar e de incorporar novos activos nestes últimos anos levou a que o cadro de persoal das universidades galegas sexa dos máis envellecidos de todo o Estado e frustrou a carreira profesional de miles de persoas que ou ben abandonaron as súas aspiracións na Universidade ou ben emigraron fóra de Galiza”, denuncia o sindicatos.