Novo "ataque" da Xunta á lingua galega no ensino

169 unidades didácticas foron eliminadas da páxina web da Consellaría de Educación.

A comunidade experta defende a presenza da educación sexual nas aulas. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O Decreto do plurilingüismo prohibiu impartir aulas de matemáticas, tecnoloxía e física e química en galego. (Foto: Nós Diario).

A CIG-Ensino denunciou esta segunda feira que un total de 169 unidades didácticas en galego foron eliminadas do portal da Consellaría de Educación, no que considera "un novo exemplo da persecución" da lingua galega no ámbito científico.

Nun comunicado remitido aos medios, a CIG asegurou que, cando se fan 13 anos da publicación do decreto "para a redución da presenza" do galego en materias do ámbito científico e tecnolóxico e "principal ferramenta" da Xunta contra o uso e a difusión da lingua galega na Educación, a Consellaría "dá un paso máis e decide eliminar 169 unidades didácticas por estar escritas en galego".

Con esta decisión, o sindicato nacionalista sostén que o Goberno galego confirma "unha desapiadada e enfermiza rabia contra o galego e un afán de censura impropio dunha institución democrática".

"Co borrado, a administración educativa limita a liberdade de ducias de docentes galegos e galegas que elaboraron ou publicaron no repositorio de contidos da propia Consellaría de Educación e lanza unha nova mensaxe: o galego non vale para as matemáticas".

A CIG cualifica de "vergoñoso" que haxa que recorrer exclusivamente a iniciativas non dependentes da Administración, que "debería centrarse na defensa e promoción do galego, para poder acceder a unidades didácticas de matemáticas en galego, como é o caso das aloxadas no proxecto Descartes".

O sindicato esixe unha rectificación por parte do "cargo político que autorizou ese borrado" e a restitución de todos os materiais. Ademais, considera que esta medida non sería non só reparadora coa presenza do galego nun ámbito duramente castigado pola "política lingüicida da Xunta", senón tamén co propio traballo realizado polo profesorado.

Comentarios