Os centros sociosanitarios rexistran 566 casos activos por coronavirus

Un home permanece nunha ambulancia após ser trasladado dunha residencia de anciáns (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Os novos contaxios afectan fundamentalmente ao colectivo de traballadores e traballadoras máis ao persoal residente e profesional dos centros de atención á diversidade.

Os casos de coronavirus entre o colectivo profesional e as persoas residentes dos centros de maiores volven aumentar na Galiza. Segundo o balence conxunto das consellaría de Sanidade e Política Social, o número de usuarias afectadas pola Covid-19 elévase até as 349, catro máis que as rexistradas un día antes.

Nas últimas 24 horas detectáronse 31 casos positivos en media ducia de residencias da terceira idade. A residencia Paz e Ben de Tui, intervida pola Xunta, é a que máis casos activos mantén, 63 en total. Por detrás desta, destacan a residencia de Ribeira e a DomusVi de Vimianzo, con 59 e 56 residentes con coronavirus. Na última xornada tamén creceu o número de afectadas da residencia da Pastoriza, que despois de cinco altas e oito novos positivos entre as usuarias, xa suma 38.

Soben os casos entre as traballadoras

Con todo, o maior incremento de casos deuse entre o colectivo de traballadores, que pasou de 185 a 193 persoas coa enfermidade activa. O Sergas confirma 22 novos casos en 9 centros residenciais. Con todo, a situación mías complicada para os profesionais atópase na residencia Paz e Ben de Tui, na da Pastoriza e tamén na DomusVi de Vimianzo.

Atención á diversidade

Doutra banda, volvéronse detectar novos positivos nos centros de atención a persoas con discapacidade (CAPD), concretamente tres usuarios e cinco traballadores da residencia Pai Menni de Betanzos, e un usuario da residencia de atención á diversidade DomusVi Bóveda.

Con estas incorporacións, son 13 as usuarias con Covid-19, 12 na Pai Menni e unha na residencia de Bóveda. No caso do colectivo profesional, hai 11 casos activos, sete na Pai Menni,un na residencia de Bergondo, outro no centro de atención a persoas con discapacidade da Coruña, un máis na residencia Casa Lamastelle de Oleiros e outro na DomusVi Bóveda.