A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado e A Paradanta convocou unha nova xornada de mobilizacións para esta cuarta feira.
Ao longo da mañá, as protestas consistiron en cazoladas diante dos centros de saúde de Arbo, Covelo, Mondariz, Ponteareas e Salvaterra en sinal de protesta ante o que definen como o "desmantelamento da sanidade pública galega".
Durante a tarde, na praza de Bugallal de Ponteareas, decorrerá unha xornada artístico-reivindicativa presentada e dirixida por Rodri de Pías na cal haberá actuacións de As Punkiereteiras, Hugo GZ e Lolo Nantes.
Ademais de todo isto, a plataforma lembra que continúa coa recollida de sinaturas para a presentación da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) en defensa da Sanidade Pública, polo que anima a aproveitar esta xornada para facelo a quen aínda non tivo oportunidade.
Chamamento á veciñanza
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado e A Paradanta chama a toda a veciñanza a sumarse máis unha vez a esta xornada reivindicativa para "a defensa dun servizo básico e fundamental como é a sanidade pública".
Para alén diso, desde a plataforma acrecentan que a sanidade é un "servizo público básico sumido nun proceso de empeoramento intencionado, provocado precisamente por quen debería encargarse do seu bo funcionamento, a propia Xunta da Galiza".
Ao mesmo tempo, a Plataforma quere tamén trasladar o seu agradecemento a todas as persoas que levan todo este tempo dando o seu apoio ás mobilizacións convocadas en defensa da sanidade pública e animalas a manterse firmes e seguir reivindicando este dereito básico.