Alumnas do IES Val do Tea

Carla, Mara e Eva, estudantes: "Na arte as mulleres sempre aparecemos cousificadas, espidas desde unha ollada masculina"

De esquerda a dereita, Carla Coto, Mara Lago e Eva González, alumnas de 2º de bacharelato do IES Val do Tea (Foto: Nós Diario).
Eva González, alumna do IES Val do Tea de Ponteareas, decatouse de que non había mulleres artistas en todo o temario de 2º de bacharelato de preparación para o acceso á universidade. Xunto a outras compañeiras, como Mara Lago e Carla Coto, decidiron tentar mudar esta situación. Co apoio do seu profesor de Historia da Arte, Xurxo Gómez, e a comisión de Igualdade do centro organizaron unha exposición polo 8-M e enviarán unha proposta de artistas ao organismo competente para que mude esta situación. 

En que momento descubrides que non hai mulleres artistas no temario?

Non xurdiu tanto parándonos a ver o temario e os artistas que entraban un por un. Foi a través dunha compañeira que presentou un traballo sobre Picasso e casualmente vin en Instagram unha análise feita por unha muller sobre esa mesma obra.  Sorprendeume moito a diferenza de perspectiva que había se se facía desde outra óptica. No meu caso eu levaba tempo interesada pola pintora barroca italiana Artemisia Gentilleschi. O seu nome coñécese máis pola súa biografía e o feito de que fose violada. Pasou á historia, como sempre pasamos todas as mulleres, como vítima e non como unha muller artista que é o que era.

Quixen coller unha creadora que non estaba no temario para visibilizar esta situación. No traballo centreime en como se tratou esta muller na historia da arte. Todas as análises que lin estaban centradas máis na súa biografía que na súa obra. Falaban de vinganza cara o seu violador cando en realidade trataba un mito relixioso. 

Na arte as mulleres sempre aparecemos cousificadas, espidas desde unha ollada masculina. A única maneira de que se fale de nós é como obxectos para o seu uso. Decatámonos, daquela, que non había mulleres no temario e pensamos engadilas. Foi o caso, entre outras, de Sara Purcel, Ángeles Santos, Hildegarda de Bingen ou as galegas Maruja Mallo e Menchu Lamas. Fixemos unha exposición reivindicativa na entrada do centro con motivo do 8 de marzo coa intención de visibilizalas.

Cal foi a vosa opción para mudar esta situación?

Despois pensamos mandarlle á Comisión Interuniversitaria da Galiza (Ciuga) unha listaxe de todas as mulleres que consideramos importantes en todas as etapas da historia da arte para que elixan as que se poidan introducir no temario oficial de cara á Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU).

Algo mudaron xa en literatura e incorporaron a máis mulleres, pensamos que poderían facer o mesmo na historia da arte. O curioso é que ninguén dixera nada antes cando é moi evidente cando de cen artistas no temario non hai unha soa muller. É como se arte fose unha materia menor en relación á literatura que conta cun grupo de presión maior por parte das mulleres.

En realidade non é problema da Ciuga. Basta con ir aos museos e ver a discriminación que hai cara o labor artístico da muller. A porcentaxe de presenza das súas obras é ridículo cando independentemente de se son de homes ou mulleres deberían ser recoñecidas as máis adecuadas. Non ten explicación a nosa ausencia entre as cen mellores obras da arte mundial. Ademais nós, por falta de referentes femininos, temos un camiño moito máis difícil para chegar a estar representadas. O cambio está nas aulas. 

A discriminación é maior se a artista é galega? 

Se estamos en segundo plano por ser mulleres, por ser galegas aínda máis. Acontece tamén na literatura a nivel estatal. Iso non quere dicir que non haxa artistas galegas e nos nosos traballos saíron moitas. 

Que parte de responsabilidade temos a sociedade no consumo das obras das artistas?

É moi importante que se coñezan as artistas. Os grandes nomes son moi coñecidos por todo o mundo e por ese motivo hai unha demanda e un consumo das súas obras. Non acontece igual coas artistas por non ser coñecidas. É o caso que comentaba dos museos onde a súa presenza é mínima.