Tres etapas que discorrerán de maneira simultánea en tres itinerarios –occidental, oriental e central–. Así se desenvolverá a “Caravana pola sanidade pública” impulsada pola Plataforma na Defensa da Sanidade da Mariña, que encetará o próximo sábado 9 de decembro para continuar o 16 e o 23.
Con esta nova iniciativa, a entidade percorrerá a comarca para solicitarlle a Xunta, máis unha vez, a retirada do anteproxecto de modificación da lei 8/2008 de Saúde de Galiza, que implicará a desaparición, entre outras, da área sanitaria da Mariña. “As consecuencias da eliminación da área sanitaria serán devastadoras para a comarca, pois aumentarán aínda máis as derivacións a Lugo de xeito obrigatorio”, sinala a plataforma nun comunicado, en que se advirte de que os desprazamentos a Lugo correrán por conta da ou do paciente.
Ademais do mantemento da área sanitaria, a plataforma solicita a construción “do máis que necesario corredor Barreiros-San Cribrao”.
A etapa do día 9
O itinerario Ribadeo-Barreiros partirá da praza do mercado de Ribadeo ás 11h e rematará no centro de saúde de Barreiros. Tamén ás 11h partirá da praza do concello de Trabada, pasando por Lourenzá, a outra caravana, que concluíra no centro de saúde de Mondoñedo. E por último, partirá as 11h o itinerario que irá desde o pavillón de deportes de Viveiro ao centro de saúde de Xove.