A megaminería chegou a Galiza para ficar aquí (mentres haxa recursos que chuchar). Do seu impacto e do seu modelo económico e social falan nunhas xornadas organizadas en Compostela, na Nave de Vidán, pola Comisión de Medio Ambiente do Bloque Nacionalista Galego.
A cita comezou coa intervención do portavoz nacional, Xavier Vence, que demandou a retirada de todos os proxectos de megaminería contaminante con efectos desastrosos en termos ambientais e socioeconómicos.
“O BNG propón un plan estratéxico de desenvolvemento dos recursos minerais para aproveitar o que é noso en beneficio do país, en lugar de entregalo de xeito regalado ás grandes empresas multinacionais. Unha estratexia, -salientou-, baseada en criterios medioambientais e sociais alternativa á megamineria contaminante, a ceo aberto, con cianuro, coma á que propón a Xunta”, explicou Vence no decurso das xornada Impactos e alternativas á minería en Galiza, celebrada esta mañá en Santiago.
“Se temos un recurso valioso no noso territorio, como por exemplo o ouro, o normal é que sexa o sector público galego quen poña en valor ese recurso en beneficio da nosa economía para que se traduza en crecemento e xeración de emprego”, argumentou o portavoz nacional.
Programa
As xornadas comezaron cun debate sobre os impactos ambientais e sociais dos novos proxectos de minaría. Aquí interviron Manolo Soto Castiñeiras ( profesor de Química na UDC), Fins Eirexas (Adega), Gabriel López (Fruga) e Pedro Gabriel Silva (Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro
A palestra 'Minería e economía' tiña como moderador a Anxo Calvo, director xeral de Industria, Enerxía e Minas da Xunta de Galiza 2005-2009. Tomaron parte Xoán Carmona Badía e Xoán Doldán, da Universidade de Compostela, e a deputada do BNG Carme Adán.
Houbo tamén outras ponencias no marco desta cita.