O BNG pide un concurso de transición xusta para As Pontes e Meirama

O BNG solicitou a comparecencia da ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, para que informe sobre o concurso e a adxudicación do nó para As Pontes e Meirama.
Néstor Rego no Congreso. (Foto: Europa Press)
photo_camera Néstor Rego no Congreso. (Foto: Europa Press)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixiu ao Ministerio para a Transición Ecolóxica que comece de forma "inmediata e urxente" o concurso de transición xusta para a adxudicación dos nós de evacuación das Pontes e Meirama.

A través das iniciativas rexistradas no Congreso, tamén reclama que se convoque a Mesa de transición xusta das Pontes, con participación de todos os integrantes, incluída a REE (actual Redeia), tal e como reclaman ao Miteco o resto de integrantes da mesa desde hai dous anos.

Ademais, o BNG solicitou a comparecencia da ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, para que informe sobre o concurso e a adxudicación do nó para As Pontes e Meirama.

"Grave crise industrial"

Desde o BNG quixeron lembrar que o fechamento da central térmica de Endesa nas Pontes provocará unha "grave crise industrial" nas comarcas de Eume, Ferrol e Ortegal que, segundo un estudo da Universidade da Coruña (UDC), pode destruír até 1.400 postos de traballo.

Ademais, indica que en xullo de 2022 a empresa REE, controlada polo Estado e que exerce de operador do sistema eléctrico, ademais de ser a propietaria dos nós de acceso á rede, informa a través da súa web que a capacidade dispoñíbel nas Pontes e, por tanto, susceptíbel de adxudicarse a través dun concurso de transición, é de cero megawatts.

"O anuncio de REE sobre a capacidade dispoñíbel nas Pontes borra calquera expectativa que lexitimamente existise na localidade de manter ou promover unha industria relacionada coa xeración eléctrica", advirte o BNG.

Así, Rego exixe manter os 1.400 megawatts de evacuación da central das Pontes no nó de transición xusta para a realización do concurso de transición xusta co mesmo procedemento empregado para adxudicar o acceso ao nó da central Andorra-Teruel.

Esta proposición non de lei, levada ao Parlamento da Galiza, xa foi debatida e aprobada por unanimidade de todas as forzas políticas con representación na Cámara galega.

Polo tanto, existe un consenso en afirmar que a capacidade de acceso á rede que liberan as térmicas “debe ser a baza ou potencialidade principal para encamiñar a reindustrialización das zonas afectadas”.

Comentarios