As propostas achegadas onte por Renfe para a mellora dos servizos no interior ourensán non cumpren coas necesidades da cidadanía da comarca de Valdeorras, segundo sinalan o BNG local e mais o sindicato CIG. A través dun comunicado, cualifican de "insulto" para a veciñanza as melloras que o ente ferroviario propuxo á representación do PSOE.
Engaden que dúas das presentadas polo presidente do ente ferroviario, Isaías Táboas, non están relacionadas coas reclamacións da comarca. Estas son a rebaixa dos prezos do tren Avant que une Ourense coa Coruña e mais a recuperación dun tren Alvia que conecta Galiza con Madrid a través da liña da Gudiña. A segunda, reprochan, "non é inminente e tampouco repara o servizo das tres frecuencias eliminadas nesa mesma liña".
No tocante ao anuncio da presenza de monitores na estación de Valdeorras que ensinen á poboación a empregar as billeteiras automáticas, BNG e CIG aseguran que resulta "improcedente" a cambio "de manter fechados os portelos das estacións". E reiteran que a única solución aceptábel é a reapertura de ambas as dúas instalacións.
"Renfe debe recuperar a súa vocación de servizo público e dotar de conexións a un rural cada vez máis despoboado e ao tempo desatendido pola Administración central", din.
A supresión da venda presencial motivou que unha caravana de vehículos percorrese a distancia entre o Barco e A Rúa como protesta o pasado 4 de setembro. Nun manifesto, a veciñanza reclamou uns servizos ferroviarios de calidade.
Billetes a Ourense
Onte, a compañía ferroviaria emitiu un comunicado no que anunciou que a clientela poderá anular ou mudar a data dos billetes con orixe ou destino en Ourense, mentres duren as medidas de restrición da mobilidade para frear a Covid-19.
Segundo informou a compañía nun comunicado, "aplicará medidas de posvenda especiais" para os viaxeiros e viaxeiras con saída ou chegada na estación de tren ourensá, con motivo das medidas aprobadas pola Consellaría de Sanidade. Os trámites, puntualizou a compañía, "non implican gastos para a clientela". A maiores, anunciou que prolongará os bonos colaborativos durante dúas semanas máis.