Moitas persoas que viven na zona das Rías Baixas puideron ver na mañá desta terza feira un estraño avión xigante sucando os ceos, cunha apariencia semellante á dunha beluga, un cetáceo da familia das baleas.
Precisamente, o nome desta aeronave é Beluga XL, ou Airbus A330-700L, e é un dos últimos modelos deseñados e construídos pola compañía aeronáutica Airbus, que escolleu o aeroporto de Peinador para desenvolver algunhas probas de pilotaxe.
Este avión, que chegou procedente da cidade francesa de Toulouse, está pensado para o transporte de mercadorías relacionadas coa industria aeronáutica, nomeadamente pezas para outras aeronaves.
Ten unha lonxitude total de 63 metros, e conta con até 30% máis de capacidade que o modelo anterior de Beluga.
Probas en Peinador
O aeroporto vigués fora escollido xa por Airbus en 2019 para levar a cabo as probas do Beluga XL, pero naquel momento as condicións climatolóxicas adversas obrigaron a retrasalas.
Finalmente, ás 11.15 horas o avión achegouse a Peinador, após realizar unhas primeiras manobras entre os concellos do Porriño e Barro.
Despois de realizar estes exercicios en cinco ocasións máis, a 'balea' xigante volveu pór rumbo a Toulouse. 840 quilómetros, tanto de ida como de volta, que tamén servirán para comprobar a fiabilidade deste modelo en viaxes de media distancia.