Nun tempo no que os museos poden non ser o lugar máis atraente, a área de Turismo do Concello de Carballo ideou unha iniciativa tan sinxela como complicada de levar a cabo: converter a propia vila nunha galería de arte na que tanto a veciñanza como o turismo poidan gozar mentres pasean. Con este interese e a meta paralela de darlle porta ao 'feísmo' provocado pola construción descontrolada durante a bonanza inmobiliaria dos anos 70, pariuse o proxecto Derrubando muros con pintura.
As e os artistas de rúa comezaron a pintar en 2013 para rexenerar o aspecto de “paredes, muros, edificios e espazos deteriorados”.
“Había unha realidade urbanística e social determinada na vila, que quedou moi afectada pola especulación inmobiliaria dos anos 70”, din fontes de Turismo Carballo, que comandan un plan ambicioso e transversal con outras concellarías.
Os espazos de convivencia quedaron reducidos, había inmóbeis soltos con fincas baleiras ao lado a ladrillo ou formigón visto, edificouse cun escaso control urbanístico e de paisaxismo e Carballo tomou unha imaxe “agresiva” para a cidadanía.
Mais había que mudar a percepción e o concelleiro de Turismo, Xosé Regueira, deu coa chave en 2013. Só dous anos despois a iniciativa tiña tan “boa acollida” e medrara tanto que subiu un chanzo lanzando o Rexenera Fest, un festival no que muralistas de prestixio se achegan ao municipio para deixar a súa pegada na esencia da capital da comarca de Bergantiños.
O evento ten cada vez máis proxección e Derrubando muros con pintura xa é un activo turístico máis para o concello, pois conta con 84 cadros polo rueiro agardando por ti.