Despois da denuncia presentada pola asociación Aldea Viva a causa do rebordamento da balsa mineira sobre o Río Brandelos e os centos de alegacións veciñais recibidas, o Director Xeral de Minas, Bernardo Tahoces, anunciaba en sesión parlamentaria a decisión de abrir un expediente á propietaria das fincas e principal socia do proxecto. Así o informa Aldea Viva a través dun comunicado.
Ese mesmo día, o director do Proxecto Mina de Touro, Alberto Lavandeira, organizaba un acto de presentación do novo trazado cos medios de comunicación. Desde Aldea Viva lamentan que Lavandeira “utilizase o acto para insultar a xente, veciños e comunidade científica”, aos que tildou de “iluminados” e acusou de manteren posicionamentos “ideolóxicos” por pronunciarse públicamente contra o proxecto.
O director do proxecto mineiro evitou, prosegue Aldea Viva, pronunciarse sobre o estudo económico e os riscos ambientais dunha balsa de lodos de máis de 80 m e 3 km de longo situado ao lado dun núcleo de poboación, e que tal como se recolle no propio proxecto, ten un risco alto de falla.
A empresa Cobre San Rafael ten a concesión de explotación do xacemento até o ano 2068.