—Que se sabe da hepatite aguda de causa incerta que afecta ás crianzas?
Polo momento transcendeu a caracterización duns 170 casos de hepatites de orixe descoñecida, distribuídos entre o Reino Unido (114), España (13), Israel (12), USA (9), Dinamarca (6), Irlanda (5), Holanda (4), Italia (4), Noruega (2), Francia (2), Romanía (1) e Bélxica (1). Nestes momentos todos os esforzos céntranse en atopar un responsábel para estes casos, que cursan cun nivel de transaminasas moi elevado (>500 UI/L) e onde se excluíu a infección polos virus principais virus hepatotropos (A-E). As principais hipóteses estarían nunha orixe infecciosa, pero sen descartar outras causas de orixe tóxica.
—Que é o máis desconcertante e o máis preocupante?
O máis desconcertante é a súa extraordinaria gravidade nalgúns pacientes, non en todos, que implicou a necesidade de transplante hepático en 10% dos pacientes infectados. O máis preocupante, ademais do descoñecemento da súa causa, quizais sexa que afecta a poboacións vulnerábeis como son as crianzas de 0 a 16 anos. Neste sentido, está a estudarse a frecuencia deste tipo de patoloxía en anos anteriores, para confirmar que efectivamente se trata dun incremento significativo no número de casos respecto a outros anos que xustifique a alarma.
—Que pode estar a enfermar os nenos e nenas?
Como o seu propio nome indica, descoñécese a causa etiolóxica desta hepatite aguda. Existen diversas hipóteses, entre elas a infección por adenovirus, concretamente polo adenovirus F41, debido a un incremento da susceptibilidade a este virus pola menor exposición durante a pandemia debido ao uso de máscaras, tamén a coinfección por adenovirus e SARS-CoV-2, que podería incrementar a susceptibilidade do hóspede incrementando a gravidade, sen descartar un novo axente infeccioso até o de agora descoñecido, nin tampouco os tóxicos. En calquera caso, hai que ser moi prudente e esperar a que existan evidencias consistentes ao respecto.
—O adenovirus centra unha das hipóteses principais. Que son e como se contaxian?
O feito de que se diagnosticase unha infección por adenovirus en 74 dos 170 casos descritos puxo o foco nesta familia de virus que adoitan ser patóxenos habituais do ser humano especialmente dos nenos. Os adenovirus son virus moi resistentes ás condicións ambientais e transmítense a través do aire, por contacto directo e tamén por transmisión fecal-oral. As medidas hixiénicas son determinantes para o seu control. Nos nenos producen un abano de patoloxías que inclúen síndromes respiratorias, gastrointestinais, conxuntivites e cistites. Polo xeral non adoitan ser trastornos graves e resólvense de maneira autolimitada.
—O adenovirus explicaría por si só esta doenza en menores?
A infección por adenovirus tipo F41 non explicaría a gravidade do cadro clínico. Ademais, este tipo de adenovirus non se relacionou previamente cunha presentación clínica deste tipo, pois o adoita aparecer con diarrea, vómitos e febre, a miúdo acompañados de síntomas respiratorios.
—Por iso interesa investigar calquera relación co coronavirus, entre outras?
Nuns 20 casos identificouse a presenza de infección por SARS -CoV-2 xunto á de adenovirus, con todo, descoñécese o papel que poida desempeñar nesta patoloxía. Como di a OMS, hai que investigar máis a fondo antes de poder descartar calquera tipo de relación co coronavirus. Por outra parte, as hipóteses que están a circular relacionadas cos efectos secundarios das vacinas contra a Covid actualmente non se sosteñen, xa que a gran maioría dos nenos afectados non a recibiron.
Tras o rastro dunha 'orixe descoñecida'
Para dar coa causa dunha hepatite grave de causa incerta, "o primeiro é descartar as causas máis habituais. Entre as de orixe infecciosa hai que descartar aos principais virus hepatotropos, como os virus das hepatites A, B, C, D e E, tamén aos herpesvirus e outros axentes infecciosos. Entre as de orixe non infecciosa hai que descartar que se trate dunha hepatite por tóxicos, medicamentosa ou autoinmune".
O perfil e a condición dos doentes tamén é esencial nesta busca. "Son moi importantes, por tratarse dunha poboación vulnerábel, especialmente as crianzas máis pequenas que aínda non teñen moi desenvolto o seu sistema inmune, o cal é moi importante de confirmarse a hipótese dun axente infeccioso como causante desta patoloxía". Ademais, confirma Aguilera, "calquera outra doenza de base contribúe ao agravamento dos síntomas e ao empeoramento da súa evolución, como se viu nun dos casos".